Ceip Rosalía de Castro de Lugo

Arquivo por etiquetas: natureza

Propóñovos inventar un haiku. Non é nada doado, pero imos intentalo aproveitando os nosos coñecementos de métrica e que, no fondo, somos uns xenios.

Empezaremos polo principio:


Que é un haiku?
Un haiku é unha forma de poesía tradicional xaponesa. Trátase dun poema breve, xeralmente formado por tres versos de cinco, sete e cinco sílabas respectivamente, aínda que non todos os autores respectan esta métrica.

De que tratan os haikus?Imaxe
Os haikus intentan captar un instante para, deste modo, facelo eterno.

Que características ten un haiku?
Son poemas de carácter descritivo.
Teñen como tema algún aspecto da natureza.
O mundo representado non se mostra totalmente, senón que se suxire a partir duns poucos elementos presentes no poema.
A personaxe poética non fala de sentimentos, aínda que a súa actitude ante o que observa é sentimental.
Predominan os substantivos.
Hai poucos adxectivos.
Os verbos, tamén poucos, están en presente porque se intenta captar o instante, o que está a acontecer. Prefírense verbos estáticos (ser, estar, parecer) sobre os dinámicos ou de acción). Tamén se prefiren as formas non persoais.

Escribimos o noso haiku

Agora tócanos a nós escribir un haiku. Podemos elixir entre escribir un haiku libremente, seguindo as normas que aprendemos aquí. Recordade:
Tres versos de 5, 7 e 5 sílabas.
Tema: algún aspecto da natureza.
Predominan substantivos, poucos adxectivos e verbos, poucos, e en presente.
Eliximos dous elementos no noso haiku que provoquen “tensión” entre o grande e o pequeno, o temporal ou o efémero, o branco e o negro, o quieto e o axitado…
Ou, se o preferimos, podemos facer un haiku coas indicacións seguintes:
1º verso: Verbo + adverbio
2º verso: Determinante + substantivo + adxectivo
3º verso: Preposición + substantivo + adxectivo.

Relampaguea fugazmente

la piedra mansa

sobre el suelo amargo.

Que facemos co noso haiku?

Acompañaremos o noso haiku cunha fotografía orixinal (feita por vos, non vale copiar). Pensade que elemento da natureza queredes que ilustre o voso poema e tentade captalo coa cámara :  unha pinga de auga, unha árbore sen follas, a noite,  as nubes que tapan o sol, o amencer, unhas pegadas na area ..etc  O derradeiro día de entrega das fotos e dos haikus será o 15 de marzo.  As mellores composicións serán expostas nos corredores do centro para celebrar o DÍA DA POESÍA (21 de marzo).

 

Advertisements